miércoles, 2 de septiembre de 2009

Seis días de debate feminista na Coruña

3, 4, 10, 11, 17 e 18 de setembro


'Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos' abrangue xornadas de conferencias, debate, teatro, danza e intervencións artísticas, e terá lugar na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da Coruña, nas próximas semanas.

O lema "Contra vento e marea" fora elixido por Emilia Pardo Bazán para reivindicar o seu compromiso co traballo intelectual tendo en conta as evidentes trabas da época, e con este lema teñen lugar agora estas xornadas, para pór en valor o pensamento desta autora en relación coa súa defensa na debatida cuestión da educación das mulleres, "manter esta mesma pulsión de liberdade, recollendo a testemuña do espírito aberto e transgresor da primeira muller catedrática da Universidade española".

Coordinan e dirixen as xornadas Xulia Santiso e Ánxela Caramés, e propoñen un achegamento ás cuestións de xénero a través de dous bloques temáticos, pioneiras e anónimas e feminismo(s), facendo un percorrido desde as primeiras loitas feministas do século XIX até a actualidade, con especial fincapé no ámbito galego, tentando amosar unha panorámica ampla (teoría, activismo, literatura, arte) por medio de conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas na rúa.

Empregadas do fogar, publicacións feministas e un repaso ao século XX

O xoves 3 comeza a primeira xornada de debate, na sala de faladoiros da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, e será ás 17.00, coa presentación do libro O club da calceta, de María Reimóndez, seguido pola dramatización que fixo da novela Teatro do Morcego a partir das 19.00. O venres 4 ás 21.00 hai unha nova cita coas artes escénicas, neste caso con Experimenta Danza, no Paraninfo da Universidade.

Xa o xoves 10 de setembro, co título "Pioneiras e anónimas", a sesión desenvolverase no Auditorio da Real Academia Galega. O primeiro relatorio, ás 17.00, é a cargo das profesoras María Xesús Busto Fariña e Carmen Blanco, sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, e ás 19.00 terá lugar unha mesa redonda de traballadoras do fogar, coas asociacións Xiara, ACSUR, o Centro de Atención Hogar de Cáritas, e o colectivo ourensán Nomepisesofreghao. A xornada acabará cun Maribingo da man de Maribolheras Precárias.

O venres 11, no mesmo lugar e co título "Feminismo(s)", haberá ás 17.00 unha conferencia de Rosa Cobo sobre tendencias dos feminismos do século XX, e, a seguir, un relatorio sobre revistas feministas galegas: a Festa da Palabra Silenciada, da man da súa directora, María Xosé Queizán, e Andaina, con Nanina Santos. Ás 21.00 inaugurarase unha intervención artística de Mónica Cabo, "Xogo de damas. Construción de espazos de recreación", que abrangue a muralla do Hospital Militar, a Fundación Luís Seoane, e o Paseo Marítimo.

As loitas das traballadoras e a identidade sexual posta en cuestión

O xoves 17 chega outra sesión "Pioneiras e anónimas", coa profesora Aurora Marco ás 17.00 ("Apuntes sobre as orixes das reivindicacións das mulleres e as anónimas galegas"), e unha mesa redonda sobre o peche de odosa, e a loita das mulleres da conserva no Salnés durante os 80, que leva o título "Contenedor de feminismos", e conta coa intervención de Loli Romero Lores e Carme Ferro, traballadoras da conserva, Mar Suárez, Mari Luz García Vigo, Uqui Permui e Carme Nogueira. A propia Nogueira fará unha intervención artística co mesmo título no Obelisco dos Cantóns, ás 21.00. Preséntase a primeira document-acción do Contenedor de Feminismos: diante dunha fábrica en desuso en Vilaxoan falouse con catro das protagonistas, rememorando os vinte anos do peche de Odosa.

Por último, o venres 18 de setembro, outra sesión de "Feminismo(s)" aborda as identidades sexuais e a teoría queer: ás 17.00, a autora de Testo yonqui. Beatriz Preciado, falará sobre o réxime farmacopornográfico, a tiranía da produción de corpos, xéneros e sexualidades a partir das hormonas e da pornografía, e dúas horas despois, Beatriz Suárez Briones e Rubem Centeno Paradela falarán sobre identidade de xénero e sexualidades non heteronormativas. As xornadas rematan co espectáculo teatral e musical "Os dildos (Making-off de xénero)", a cargo de Chévere: Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro "Pajarito" convértense en "machos", dirixidas por Xesús Ron, no Paraninfo da Universidade, nunha das pezas incluídas na súa montaxe Testosterona.

As xornadas son gratuítas e de acceso libre. Expedirase 1 crédito académico de libre configuración, que estase a tramitar coas Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Para obter o certificado de asistencia haberá que inscribirse indicando os datos persoais (nome, apelidos, teléfono e correo electrónico) á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán por teléfono (981207308) ou correo electrónico (casamuseopardobazan@gmail.com). As actividades foron financiadas pola Deputación da Coruña e a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá.

Fonte: A Nosa Terra

No hay comentarios:

Publicar un comentario