viernes, 4 de septiembre de 2009
“O corpo das mulleres é usado como campo de batalla” Hernán Zin, reporteiro de guerra
O xornalista arxentino presentou un adianto do documental “A guerra contra as mulleres” no Foro Internacional Revela de Oleiros.
Moisés Álvarez (Fonte orixinal: Vieiros)
Con frecuencia, mídese a crueldade das guerras polo número de mortos. Pero os enfrontamentos bélicos e as loitas polo control dos recursos económicos deixan outros tipos de vítimas. A última edición do Foro Internacional Revela de Oleiros, que remata o domingo 6 de setembro, pon o foco na violencia exercida contra as mulleres nos lugares en conflito. Alí explicou o xoves o xornalista Hernan Zin a súa experiencia, ao tempo que presentaba un adianto do documental no que está a traballar, “A guerra contra as mulleres”.
Hernán Zin é un xornalista e fotógrafo arxentino que desde hai 15 anos percorre lugares do mundo en guerra para amosar o punto de vista das vítimas. “Para entender as guerras sobran declaración de militares e xente con gravata e falta escoitar as voces dos que as sofren”, explica. En libros, documentais e reportaxes para diversos medios recolle os seus traballos xornalísticos sobre os máis de 30 países de África, Asia e América Latina que percorreu. Na actualidade mantén un blog no xornal 20 Minutos sobre lugares en guerra. Entre os aspectos que máis se esforza en denunciar está o tema que centra o seu documental: a violencia que sofren as mulleres nos conflitos armados.
-Como é posíbel que a violación siga a ser empregada como arma de guerra?
Esa é a pregunta que me fago neste documental, “A guerra contra as mulleres”. Pretendo denunciar que o corpo das mulleres segue a ser usado como campo de batalla, a pesar de que no 94, despois das guerras de Bosnia e Ruanda, a comunidade internacional proclamou que non ocorrería nunca máis.
-Cal é a razón de que a sociedade non lle dea a este asunto a importancia que merece?
Custa entendelo. Hai certa indiferenza racial, porque é algo que afecta sobre todo a mulleres africanas. E tamén hai moitos intereses creados. Por exemplo no Congo están os intereses relacionados coa explotación mineira do coltán. Falta vontade de acabar con este problema.
-Que buscan os que exercen esta violencia contra as mulleres?
Buscan o golpe máis baixo que se lle pode dar ao grupo rival. É unha forma de limpeza étnica. As mulleres son as sementes que procrean e ao atacar este piar fundamental están a destruír a sociedade. Esnaquízanlles o aparato reprodutivo e déixanas con vida porque así conseguen un efecto múltiple: fan que non teñan descendencia, que vivan con humillación e expúlsanas da sociedade. Unha morte normal non sería tan dura para a comunidade.
-Por que esta situación é especialmente grave no Congo?
Non o sei, pero na rexión dos Kivus danse o 70% das violacións do mundo. Quizais porque alí se conxugan a pobreza extrema e unha riqueza en recursos naturais que fai que moitas forzas loiten na zona, coas mulleres como vítimas. Elas viven unha situación de vulnerabilidade extrema, nunha rexión inestable, sen estado, sen infraestruturas.
-Aquí en Galiza, como noutras partes do mundo, a violencia tamén afecta moi directamente ás mulleres, aínda que non teña ese compoñente de limpeza étnica. Considérao un problema universal?
Sen dúbida. É un problema non só de África, Oriente Próximo ou a India. En Europa hai moito que facer, porque o corpo da muller estase empregando como obxecto para vender o que sexa.
Etiquetas:
Corpos de mulleres,
Entrevista,
Non ás guerras e ás armas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario