lunes, 14 de septiembre de 2009

O mundo patas arriba, por Mar Caldas


Inédito

Quixen aproveitar a oportunidade de inmiscuirme nas páxinas dun medio de comunicación para, valéndome de imaxes e textos procedentes, á súa vez, do discurso xornalístico, desnaturalizar a división sexual.

Quería ir alén da seriedade empregada en traballos teóricos e da ironía e a ambigüidade habitual nos meus traballos artísticos. Empregar a comicidade para falar de cousas serias, é unha forma de alixeirar o discurso crítico sen que deixe de selo e, polo tanto, pode chegar a ser máis incisivo. Ademais, o humor facilita a exposición das ideas dunha maneira moi gráfica.

Recorrín a imaxes de personaxes públicos coñecidos (e recoñecidos), a estéticas e linguaxes familiares para, mediante unha intervención mínima, deixalos enrarecidos, volvelos chocantes, desprazados.

Esa mínima intervención, con todo, debía de alterar todo o discurso habitual e, deste xeito, facer visible o que tan a miúdo nos pasa inadvertido. Esa sinxela estratexia debía de denunciar a arbitrariedade dos roles sexuais socialmente asignados, ao darlles totalmente a volta. Apenas cambiando as cabezas delas polas deles, colocando sobre un xénero o tipo de discurso que se coloca sobre o “oposto”, resultaban homes e mulleres con actitudes, comportamentos, roles, propiedades, intereses, aspiracións, xestos, técnicas corporais, usos do espazo, etc. inapropiados, inconvenientes, inusuais ou impensables de acordo aos principios da división sexual.

Os textos proveñen de revistas do corazón e de medios “máis serios”, algúns están copiados case literalmente, apenas se intercambiou o nome do personaxe feminino polo do masculino, ou á inversa.

O nome desta sección -Inédito- viña como anel ao dedo para este traballo: neste contexto, a palabra “inédito” repetía e amplificaba o propio concepto de “o mundo patas arriba”.



Fonte orixinal

No hay comentarios:

Publicar un comentario