jueves, 5 de febrero de 2009

A tradución da literatura feminista ao galego



Chegan boas noticias da industria editorial: por unha banda, a colección "As letras das mulleres", que coeditan Sotelo Blanco e o Servizo Galego de Igualdade, incorpora un novo número: Amor vermello, escritos sociais e políticos, da comunista e feminista rusa Alexandra Kollontai, unha escolma realizada por Igualdade e traducida do inglés por Fe González.

Outro día deterémonos nesta nova achega á nosa lingua, pero hoxe centrámonos na publicación, para marzo, da segunda parte d'O segundo sexo, de Simone de Beauvoir, A experiencia vivida, logo de que o ano pasado, con motivo do centenario da propia Beauvoir, se publicase en galego o primeiro deles, Os feitos e os mitos. A tradución corre a cargo de Margarida Rodríguez Marcuño, e a edición, de Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Aquí achegamos algún material que saíu publicado n'A Nosa Terra con motivo do centenario de Beauvoir e da publicación do volume en galego.


O feminismo no centenario de Simone

Hai un século, o 9 de xaneiro do 1908, naceu en París Simone de Beauvoir. A máis vella de dúas irmás medrou nunha familia burguesa, educada baixo unha severa disciplina católica, pero tamén accedeu a un acervo cultural privilexiado. Na súa mocidade empezou a cuestionarse moitas cousas, entre elas a existencia de Deus, e a reflexionar sobre a liberdade do ser humano e a responsabilidade das súas accións.

Entrou na Sorbona para estudar Filosofía, Matemáticas e Letras, con só 17 anos, e non tardou en se converter na alumna máis destacada, compañeira de Jean Paul Sartre, Levi Strauss ou Merleau Ponty. Licénciase con 21 anos, e dedícase ao ensino até que a acusan de corromper ás alumnas (as súas ideas non casaban moito coas do poder) e a apartan da docencia. Por entón estoura a II Guerra Mundial. Na súa primeira novela, A convidada (1943), reflexiona xa sobre a diferenza entre homes e mulleres no xeito en que foron educados para conceptuar o amor.

Entón dedicará a súa vida ao pensamento e á escrita: fai reportaxes para Combat, insírese na Resistencia e fai reportaxes na España esgazada polo fascismo. Viaxa a América, máis tarde aos países do chamado “socialismo real” (Cuba, China, a Unión Soviética), e non para de escribir: á convidada séguenlle O sangue dos outros, Todos os homes son mortais e As bocas inútiles (entre o 45 e 46).

En xuño do 49 publícase o primeiro tomo d'O segundo sexo, Os feitos e os mitos, precedido de tres artigos que foran publicados en Les Temps Modernes sobre a sexualidade feminina, o lesbianismo e a maternidade. Neste primeiro tomo aborda, dende o discurso da bioloxía, o da historia e o da mitoloxía, como se constrúe a identidade feminina, sempre como un Outro do suxeito universal, varón. A reacción non se fixo esperar: os dous tomos (este e máis A experiencia vivida) foron incluídos no Index de libros prohibidos do Vaticano, e a intelectualidade francesa (masculina) responde escandalizada. Aínda un século despois, precisamente con motivo da efeméride, non é raro vermos na prensa ultraconservadora artigos detractores que, en aras dunha “desmitificación” da figura de De Beauvoir, critican a súa vida privada, a súa relación con Sartre ou os seus posicionamentos políticos sen achegaren nada sobre a súa obra e o que supuxo para o feminismo.

De feito, O Segundo Sexo é o libro de cabeceira de moitos dos feminismos do século XX: De Beauvoir ía moito máis alá do academicismo ou de pretender sentar doutrinas. O seu activismo fíxose patente nos setenta, no seu compromiso directo coa liberdade. É un dos alicerces da campaña polo aborto en Francia, cede a súa casa, ocupa locais, asina manifestos e aposta por combinar coas prácticas legais métodos de loita ilícitos.

Ao Estado español, O Segundo Sexo chegou no 72, editado por Aguilar, no medio dunha ditadura que convertía ás mulleres en menores de idade, carentes de dereitos xurídicos e relegadas a “anxos do fogar”, co apoio dunha Igrexa cómplice. Sacudiu totalmente as conciencias: a autora non pretendía, como declara no libro, “enunciar verdades eternas, senón describir o fondo común sobre o que se alza toda existencia feminina singular”. Agora poderemos lelo en galego, grazas á colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Edicións Xerais, que publican neste día os dous tomos, traducidos por Margarida Rodríguez Marcuño.

O seu feminismo rexeita o esencialismo biolóxico (a primeira parte d'O Segundo Sexo incide en como non é a natureza a que implanta os sexos tal e como os concibimos). É a experiencia, a existencia propia o que configura a nosa identidade. Nada mellor para explicalo cás súas propias palabras, no inicio do segundo tomo: “Non se nace muller: chégase a selo. Ningún destino biolóxico, físico ou económico define a figura que reviste no seo da sociedade a femia humana; a civilización en conxunto é quen elabora ese produto intermedio entre o macho e o castrado ao que cualifica como feminino. Só a mediación cun alleo pode constituír a un individuo nun Outro”.

Feminismo da igualdade, logo, que aposta polas identidades sexuais múltiples, un anticipo do que décadas despois desenvolve Judit Butler. Rexeita os esencialismos e emprega a fenomenoloxía existencialista para desapegar a “inmanencia” ou a natureza da construción do suxeito: por que o xenérico do humano é varón e as mulleres quedan relegadas a un limbo de in-identidade, in- esencia? Esa é a pregunta que desmonta a construción esencialista do mundo: somos o que somos en función da nosa transcendencia, nada nos determina. O sexo tampouco. “A muller” non é unha verdade, senón un concepto cultural. De Beauvoir refírese, n'O segundo Sexo, a un futuro en que non haberá homes e mulleres, senón persoas, traballando nunha situación igualitaria, nunha sociedade socialista. Case 60 anos despois da publicación desta obra de cabeceira, logo de moitos avances, aínda continúa existindo unha cosmovisión do que é ser muller que cómpre revisar. Bo momento para reler a Beauvoir.

Entrevistas:



Lara Rozados

1 comentario:

  1. Estem encantades de que existeixen periodistes feministes. Ànim Lara Rozados. S'ha d'obrir espai per els continguts violetes als mitjans de comunicació. Felicitats per les entrevistes.

    ResponderEliminar