martes, 2 de junio de 2009

Somos finalistas ao premio T-Incluye á web persoal máis inclusiva


Laboratoriovioleta é finalista aos premios T-incluye ás páxinas web máis inclusivas de España na Categoría 4: Web Personal más inclusiva.

O xurado composto por Montserrat Boix i Piqué, xornalistas experta en Xénero e TIC; Beatriz Coto Rodríguez, do Gabinete da Consejería de Presidencia, Justicia e Igualdad do Goberno do Principado de Asturias, en representación do Instituto Asturiano de la Mujer; Felisa Soria Caro, do Ayuntamiento de Gijón; Esther Álvarez López, Docente do Máster de Género y Diversidad da Universidad de Oviedo e Yolanda Lorenzo Crespo, Técnica da Fundación CTIC experta en Xénero e TIC, reunido o mércores 27 de maio, na Fundación CTIC, escolleu as 18 web máis inclusivas (e 2 mencións especiais), isto é nos seus termos: "que tratan de lograr una mayor visibilidad de las mujeres en Internet con la utilización de un lenguaje no sexista", entre un total de 101 candidaturas participantes.
Na 4ª categoría participaron un total de 26 sitios web o blogs de tipo persoal, de distinta índole: educativos, artísticos, TIC, solidarios, sobre saúde, etc. As páxinas finalistas son:

Educación para la salud
Las cicatrices transgénicas
Salud, Comunicación y Género
La Guachimana
Laboratorio Violeta

O veredicto do xurado, que laureará unha web por cada unha das catro categorías, darase a coñecer o próximo 17 de xuño en Gijón coincidindo coa entrega de premios que terá lugar no Recinto Ferial Luis Adaro, de Gijón, no marco do foro Internet Meeting Point.

Os premios nacionais T-incluye 2009, actuación do proxecto e-Inclusión Colectivos, están xestionados pola Fundación CTIC, financiados polo Goberno do Principado de Asturias, e enmarcados no programa e-Asturias, coa colaboración do Instituyo Asturiano de la Mujer e a participación del Ayuntamiento de Gijón.

Dende Laboratoriovioleta.com queremos agradecer a Fundación CTIC, ao Goberno de Asturias, ao Instituto Asturiano de la Mujer e ao Ayuntamiento de Gijón a posta en marcha da iniciativa dos premios T-incluye un ano máis. Asi mesmo, queremos agradecer ao xurado a súa elección e felicitar ao resto das web finalistas en todas as categorías. Pero sobre todo grazas a todas as persoas que dende recunchos moi lonxanos no mapa -e a só un clic de rato- len cada día -ou cada semana- esta páxina, a aquelas que envían noticias e textos ao mail facendo medrar este espazo colectivo, esta arañeira. Con iniciativas coma esta contribuimos a xerar unha rede violeta. Como di Amorós: “Hay que hilvanar hilos violetas que marquen estrategias para que otro mundo sea posible”. E a rede é un escenario magnífico para esta tarefa.

1 comentario: