Tomo emprestado este título do artigo dunha compañeira de bancada parlamentar. No ánimo está facer rede e compartir reflexións máis que a apropiación indebida de ideas. E o tomo para ollar coa mesma sorpresa os orzamentos elaborados polo Goberno de Feijóo que o cambio de Goberno de Zapatero.
No primeiro caso, e seguindo como principio reitor “mete as tesoiras onde poidas”, unha boa parte de servizos sociais serán eliminados ou verán aminorada a súa calidade. Sabedores de que sempre que se reduce o que ten que ver coa lóxica do coidado ou da vida cotiá, as damnificadas de xeito inmediato son as mulleres. De cada crise económica que viviu Europa o colectivo das mulleres saíu ata o de agora cun importante recorte de dereitos. Ao finalizar as guerras e ter que recuperarse a economía as mulleres ou volveron para casa, aínda que durante as contendas foran encargadas de asumir a produción, ou precarizaron as súas condicións laborais. Iso si, con toda a mística do anxo do fogar sementado o terreo ideolóxico. Desta volta, xa podemos comprobar os primeiros pasos cunha clara precariedade do traballo feminino. Nun só ano en Galiza perdemos as axudas para a cotitularidade das explotacións agrarias, as axudas para as redeiras, a fenda salarial segue incrementándose e as equipas de igualdade e o SGI desapareceron. A cambio garantiuse por Lei as subvencións e promoción dos grupos antiabortistas da dereita. Os orzamentos 2011 só veñen confirmar as prioridades dun goberno que desde o primeiro momento deixou claro as súa intención aprobando a iniciativa da Red Madre. Tamén é certo que o campo ideolóxico está ben aboado, senón preguntemos se nun momento de crise hai algo máis barato que o amor materno. Xa nolo dicían de pequenas que son as nais as únicas que dan sen pedir nada a cambio.
No segundo caso, e seguindo o principio reitor “sal como poidas e corre”, quen defendeu a necesidade dun Ministerio de Igualdade como pedra angular do seu goberno o elimina dunha plumada. De contado ten a propios e alleos lembrándolle que era evidente que para isto das chicas un ministerio era moita cousa. Tamén consegue que unha grande parte dos adicados profesionalmente a crear opinión estean felices ao ver o seu soño feito realidade. Fora “membras” da nobre arte da política, onde ninguén di nunca unha parvada.
Sempre dubidei de que Igualdade necesitara ter un Ministerio, primeiro porque as competencias están transferidas e segundo porque as políticas que de verdade se necesitan para a transformar as vidas das mulleres fanse desde outras carteiras. Sen embargo, a mensaxe que transmite esta decisión de que cando as cousas veñen mal dadas hai que recorrer a varóns con peso, aínda que de constitución semellen delgados, é terríbel.
Non se podían ter reforzado máis estereotipos en tan pouco tempo. O triste é que se fixera xusto tentando modificalos. Cando algo está tan interiorizado no noso ser como a división sexual da realidade, os pasos son difíciles e agora, se cadra , toca o momento de repensar moitas cousas e tentar conter os retrocesos. O “tea party” está encantado. A avanzada que temos aquí en Galiza xa colocou os seus primeiros chanzos, o de Madrid e Valencia xa están na vangarda. Agora este novo Goberno acaba de alisar o terreo do simbólico. As chicas están ben ata un punto... logo cando nos poñemos serios, xa sabemos que Soberano é cousa de homes.
Fonte: XORNAL.COM
No hay comentarios:
Publicar un comentario